O mapa do sistema español de instrumentos de transferencia e valorización de coñecemento ofrece a primeira imaxe consolidada e comparable do conxunto de instrumentos públicos de transferencia de coñecemento vixentes en España, integrando nunha mesma lectura o ámbito estatal e o autonómico. A partir dunha base de datos orixinal que reúne 338 instrumentos —46 estatais e 292 rexionais—, a análise non se limita a contabilizar o gasto, senón que clasifica cada instrumento polo que efectivamente fai: a fase do proceso de transferencia sobre a que opera, o tipo de beneficiario ao que se dirixe, a lectura do problema que incorpora, as prioridades cara ás que se orienta e a súa orientación á oferta ou a demanda de coñecemento.
Este exercicio é, neste sentido, pioneiro. Non existía ata agora un mapeo que integrase nunha mesma lectura os instrumentos de transferencia do nivel estatal e do autonómico baixo unha taxonomía funcional común. A súa novidade non reside só en reunir información dispersa, senón na perspectiva con que a examina: en lugar de inventariar os instrumentos pola súa denominación administrativa ou polo programa do que dependen, clasifícaos polo que efectivamente fan, o que permite ler o sistema desde ángulos que a mirada puramente orzamentaria non alcanza. O propósito é ofrecer esa imaxe integrada como ferramenta ao servizo da mellora do sistema, cun enfoque deliberadamente descritivo antes que prescriptivo.