Considéranse Centros Tecnolóxicos de ámbito estatal aquelas entidades sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e residentes en España, que sexan creadas co obxecto de contribuír ao beneficio xeral da sociedade e á mellora da competitividade das empresas mediante a xeración de coñecemento tecnolóxico, realizando actividades de I+D+I e desenvolvendo a súa aplicación. A actividade dos centros mostrouse esencial para o desenvolvemento tecnolóxico e industrial das pemes españolas.
No caso dos Centros de Apoio á Innovación Tecnolóxica de ámbito estatal, serán creados co obxecto de facilitar a aplicación do coñecemento xerado nos organismos de investigación, incluídos os centros tecnolóxicos, mediante a súa intermediación entre estes e as empresas, proporcionando servizos de apoio á innovación.
REXISTRO DE CENTROS TECNOLÓXICOS E CENTROS DE APOIO Á INNOVACIÓN TECNOLÓXICA
O Real Decreto 2093/2008, do 19 de decembro, regula os Centros Tecnolóxicos (CT) e os Centros de Apoio á Innovación Tecnolóxica (CAIT) de ámbito estatal e crea un rexistro público de carácter informativo e voluntario que pode ser consultado no Directorio de centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica.
Este Rexistro reforza o marco institucional para dispor de axentes cada vez máis dinámicos e flexibles, con fortes capacidades en investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación, con cultura emprendedora e creativa, capaces de acompañar ás empresas na súa internacionalización e que posibiliten, a través da cooperación e a aprendizaxe, a capitalización do coñecemento e a xeración de valor, actuando eficazmente no sistema español de ciencia e tecnoloxía
A pertenza a este Rexistro habilita aos seus membros a ser beneficiarios de liñas de financiamento do ecosistema español de I+D+I, como é o caso do instrumento Axudas Cervera para Centros Tecnolóxicos.
AXUDAS CERVERA PARA CENTROS TECNOLÓXICOS
A finalidade deste programa é fortalecer os centros tecnolóxicos que desenvolven investigación aplicada en España, así como o seu papel tractor no conxunto do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación.
En particular, preténdese fortalecer as capacidades destes centros en tecnoloxías estratéxicas (tecnoloxías prioritarias Cervera) mediante o traballo en rede, así como fomentar a súa capacidade de colaborar con distintos axentes, especialmente empresas, nestas tecnoloxías.