Contrato predoutoral (R1)
Ten por obxecto a realización de tarefas de investigación, no ámbito dun proxecto específico e novo, con vistas á obtención do doutoramento (persoal investigador predoutoral en formación). O contrato tamén poderá ter por obxecto a orientación postdoutoral por un período máximo de 12 meses, respectando o máximo total. Ademais, o persoal investigador predoutoral en formación poderá colaborar en tarefas docentes ata un máximo de 180 horas durante o total do contrato, sen superar as 60 horas anuais.
A duración é de 1 ano prorrogable, previo informe da comisión académica do programa de doutoramento, cun límite de 4 anos ou de 6 en caso de discapacidade. Interromperase o cómputo de duración do contrato durante o tempo dedicado a permisos e excedencias por maternidade, paternidade, xestación, lactación, incapacidade temporal, coidado de menores, familiares ou persoas dependentes, conciliación, violencia de xénero ou situacións análogas. Os períodos de tempo dedicados ao goce de permiso a tempo parcial ou reducións de xornada darán lugar á prórroga do contrato polo tempo equivalente á xornada que se reduciu.
O contrato dá dereito a unha indemnización por finalización de contrato de 12 días por ano traballado.
Contrato de acceso de persoal investigador doutor (R2/R3)
Ten por obxecto a realización primordialmente de tarefas de investigación, desenvolvemento, transferencia de coñecemento e innovación, orientadas á obtención polo persoal investigador dun elevado nivel de perfeccionamento e especialización profesional, que conduzan á consolidación da súa experiencia profesional. Ademais, o persoal contratado poderá realizar actividade docente ata un máximo de 100 horas anuais.
A duración é dun mínimo de 3 anos e máximo de 6, ou de 8 anos en caso de discapacidade. Interromperase o cómputo de duración do contrato durante o tempo dedicado a permisos e excedencias por maternidade, paternidade, xestación, lactación, incapacidade temporal, coidado de menores, familiares ou persoas dependentes, conciliación, violencia de xénero ou situacións análogas. Os períodos de tempo dedicados ao goce de permiso a tempo parcial ou reducións de xornada darán lugar á prórroga do contrato polo tempo equivalente á xornada que se reduciu.
A partir do segundo ano de contrato, o persoal contratado poderá someter a avaliación a actividade investigadora realizada, que de ser positiva comportará a obtención do certificado R3, que acredita como persoal investigador/a establecido/a, e eximirá de partes das probas para acceder a persoal funcionario e laboral fixo en Organismos Públicos de Investigación, organismos de investigación das Comunidades Autónomas, Universidades públicas, fundacións e consorcios do sector público. No ámbito da universidade o certificado R3 poderá compensar ou eximir da avaliación dos méritos investigadores para obter a acreditación para profesor/a titular ou permanente laboral. No caso dos Organismos Públicos de Investigación, eximirá de partes das probas que se realicen para o acceso á escala de Persoal Científico Titular e as de persoal laboral fixo..
O contrato dá dereito a unha indemnización por finalización de contrato de 12 días por ano traballado.
A convocatoria para a obtención do certificado R3 será realizada pola Axencia Estatal de Investigación, e incluirá non só a avaliación intermedia das persoas con contrato de acceso, senón tamén a avaliación da carreira de investigadores/as nacionais e estranxeiros/as que acrediten a participación en programas postdoutorais.
Contrato de investigador/a distinguido/a (R4)
O seu obxecto é a dirección de equipos humanos como investigador/a principal, dirección de centros de investigación ou transferencia de coñecemento e innovación, ou de instalacións e programas científicos e tecnolóxicos singulares de gran relevancia no ámbito de coñecemento de que se trate. O persoal contratado poderá realizar actividade docente ata un máximo de 100 horas anuais.
Requírese o título de doutor/a, prestixio recoñecido e gozar dunha reputación internacional consolidada baseada na excelencia das súas contribucións no ámbito científico ou técnico. Tamén se poderá celebrar con persoal tecnólogo/a que goce dunha reputación internacional consolidada baseada na excelencia das súas contribucións tanto no avance de técnicas concretas de investigación, como en valorización e transferencia do coñecemento e innovación que xerase.
A duración do contrato será a que as partes acorden.
Contrato indefinido de actividades científico-técnicas
Pode acceder a este contrato calquera persoa en posesión dunha Licenciatura, Enxeñaría, Arquitectura, Diplomatura, Arquitectura Técnica, Enxeñaría Técnica, Grao, Máster Universitario, Técnico/a Superior ou Técnico/a, título de Doutor ou Doutora, ou unha formación, experiencia e competencias acordes cos requisitos e tarefas a desempeñar na posición que se vaia a cubrir.
O obxecto do contrato é a realización de actividades vinculadas a liñas de investigación ou de servizos científico-técnicos, incluíndo a xestión científico-técnica. As liñas defínense como un conxunto de coñecementos, inquietudes, produtos e proxectos, construídos de maneira sistemática ao redor dun eixo temático no que conflúan actividades realizadas por un ou máis grupos de investigación e requirirá o seu desenvolvemento seguindo as pautas metodolóxicas adecuadas en forma de proxectos ou contratos de I+D+I.
A duración do contrato é indefinida.