O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é unha institución coparticipada pola Xunta de Galicia e o CSIC. Desde a súa creación en 1993, o CESGA ten a misión de contribuír ao avance da Ciencia e a Técnica, mediante a investigación e aplicación de computación e comunicacións de altas prestacións, así como outros recursos das tecnoloxías da información, en colaboración con outras institucións, para o beneficio da sociedade.
O CESGA alberga o supercomputador Finis Terrae desde 2008, con 2.400 procesadores e 14,01 Tflops/s, está en proceso de renovación e prevé alcanzar unha capacidade superior ao 300 Tflops/s durante 2015. Finis Terrae é un supercomputador tipo constelación formado por dous subsistemas: un sistema de computación e un sistema de almacenamento masivo en liña, ambos os imprescindibles para realizar correctamente a súa función. O número de áreas científicas que se poden beneficiar coa utilización dun supercomputador como Finis Terrae é moi extenso.
O CESGA dispón adicionalmente doutras plataformas de computación de tipo grid e cloud, e desenvolve outras áreas de actividade como as comunicacións avanzadas, ferramentas colaborativas, transferencia á industria, ou GIS.
Finis Terrae achega á RES un 20% da súa potencia de cómputo.